Limpeza e roza na contorna da praia fluvial da Lama de cara á tempada estival

A Lama
07 de maio 2021

O Concello da Lama informa ademais de que xa recibiu o resultado das análises de control realizadas pola Consellería de Sanidade, que cualifican de "excelente" a calidade das augas de baño da praia do río Verdugo

O tenente de alcalde David Carrera achegouse a comprobar os traballos na cotorna da praia fluvial do Verdugo
O tenente de alcalde David Carrera achegouse a comprobar os traballos na cotorna da praia fluvial do Verdugo / Concello da Lama

Os operarios municipais da Lama iniciaron esta semana os traballos de limpeza e desinfección na praia fluvial coa intención de que estea en perfecto estado para o desfrute dos bañistas que escollen esta paraxe do río Verdugo no tempo de verán.

O tenente de alcalde David Carrera inspeccionou estes labores e confirmou que o Concello da Lama xa ten no seu poder o resultado das análises de control realizados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que cualifican de "excelente" a calidade das augas de baño da praia fluvial do Verdugo.

As brigadas municipais, reforzadas pola contratación de persoal eventual a través do Plan Concellos, están realizando labores de mantemento en fontes, instalacións e baños, así como a roza da herba na zona de lecer xunto ao río.

Outra das tarefas encomendadas será a da desinfección en profunidade nas zonas empedradas a través da utilización da máquina de presión especializada en limpeza de pavimentos e que se adquiriu o ano pasado para a hixienización de espazos fronte á Covid-19. Aplicarase para a limpeza da contorna dos asadores e mesas de pedra así como nas zonas empedradas de acceso á praia fluvial e de conexión entre os distintos espazos.