Lixeiro incremento de casos activos e de ingresos hospitalarios por covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
04 de outubro 2021

Rexistráronse dous casos positivos máis que na xornada do domingo, situándose en 65 activos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Ademais o número de persoas hospitalizadas aumenta, sendo tres as persoas que se atopan en planta mentres que dous pacientes covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo

Datos sobre casos covid-19 neste 4 de outubro de 2021 na área sanitaria
Datos sobre casos covid-19 neste 4 de outubro de 2021 na área sanitaria / Consellería de Sanidade

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén tres pacientes covid ingresados en planta de hospitalización, un máis que o domingo, mentres que dous pacientes con covid-19 permanecen na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

Este luns 4 de outubro, a cifra de casos activos ascende a 65 na área sanitaria, sumando dous casos máis. 60 pacientes atópanse nos seus domicilios evolucionando da enfermidade, segundo a Consellería de  Sanidade. 

Non se rexistraron na área falecementos durante os últimos días, situándose a cifra de vítimas en 205 pacientes desde o inicio da pandemia e curáronse 21.158 pacientes, os mesmos que na xornada do domingo.

Realizáronse 126 probas PCR nas últimas 24 horas co resultado de dous novos casos confirmados a través destas probas.

GALICIA

Segundo os datos trasladados pola Consellería de Sanidade detectáronse 28 positivos novos nas últimas 24 horas en Galicia. Trátase de sete  contagios menos respecto a os contabilizados o domingo e cinco menos en relación ao luns da semana pasada.

O número de casos activos é de 741 enfermos en Galicia, un máis que o domingo, repartidos da seguinte forma por áreas sanitarias: A Coruña-Cee: 179 (-11); Vigo: 143 (-8); Ourense: 126 (+2); Lugo: 119 (-15); Santiago - O Barbanza: 88 (-7); Pontevedra-O Salnés: 65 (+2), e Ferrol: 21 (-4).

56 persoas atópanse hospitalizadas en planta, unha máis, e 13 na UCI, unha máis que na xornada do domingo. Nas últimas horas falecía un home de 89 anos no  Complexo Hospitalario da Coruña, elevando a cifra de falecidos por  covid a 2.639 persoas.