Localizan o autor dun acto vandálico nos Praceres e descobren que o buscaba un xulgado

Pontevedra
13 de xuño 2023

Os feitos que se lle atribúen consisten en danos ao romper o cristal dunha marquesiña dos Praceres. Citárono na Xefatura da Policía Local para comunicarlle que está investigado por un delito de danos e descubriron que tiña en vigor unha requisitoria ditada por un xulgado de Vilagarcía, de modo que procederon á súa detención

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra logrou resolver un acto vandálico rexistrado días atrás na zona dos Praceres, na parroquia de Lourizán, e descubriu que o home estaba xa buscado por un xulgado de Vilagarcía de Arousa. 

Os feitos que se lle atribúen consisten en danos ao romper o cristal dunha marquesiña dos Praceres

Tras investigar os feitos, os policías locais citaron o sospeitoso este martes na Xefatura da Policía Local para comunicarlle que está investigado por un delito de danos. 

Unha vez en dependencias policiais, cruzando datos, os axentes descubriron que o home tiña en vigor unha requisitoria de detención ditada por un xulgado de Vilagarcía, de modo que procederon á súa detención. 

A Policía Local procedeu a trasladar o detido á Comisaría da Policía Nacional, como establecen os protocolos e, cando chegaron ás instalacións da rúa Joaquín Costa, xusto un home acababa de agredir a un axente da Policía Nacional e refuxiárasee nun coche. Eses axentes procederon á súa detención.