O pleno municipal de Sanxenxo sumouse este luns á conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Fíxoo coa lectura dun manifesto apoiado por todos os grupos políticos e lido pola concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago.
Un texto co que mostrar "o contundente rexeitamento a quen a exerce a violencia de xénero e promovendo un cambio social cunha posición de tolerancia cero fronte ao machismo, sen ser cómplices mediante o silencio".
Unha loita "conxunta e innegociable" co compromiso de todos de denunciar as agresións, apoiar as vítimas e rexeitar o silencio ante a violencia.
"Presentamos este manifesto contra a violencia de xénero como proba do noso compromiso social nesta loita, que debe ser conxunta e firme contra calquera acto que atente contra a integridade e a dignidade das mulleres. E tamén, co convencemento de que non existen barreiras ideolóxicas nin políticas", sinalou Lago.
A edila lembrou ademais as 40 mulleres asasinadas no que vai de ano en España e deu datos sobre os casos tutelados no Centro de Información á Muller (CIM) da localidade, no que actualmente "atendemos 45 casos de mulleres afectadas por violencia de xénero, ofrecéndolles información sobre recursos xurídicos e o apoio psicolóxico necesario para afrontar esta situación".
Ademais, "estamos brindando atención a 9 menores, fillos e fillas de mulleres que sofren ou sufriron violencia de xénero", destacou.
A programación do 25N en Sanxenxo incluía ademais un acto central ás 19.00 horas no Real Club Náutico baixo a lema '25N: 365 días'.