Lores: "A política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar"

Pontevedra
12 de outubro 2018

O alcalde de Pontevedra animou a todos os presentes no congreso anual da Rede de 'Cidades que Camiñan' a traballar no empoderamento das cidades para avanzar con máis decisión e confiou nesta rede ese papel potenciador da 'camiñabilidade' 

Participación de Lores no Congreso 'Cidades que Camiñan' en Villanueva de la Serena (Badajoz)
Participación de Lores no Congreso 'Cidades que Camiñan' en Villanueva de la Serena (Badajoz) / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, animou este xoves a todos os presentes no congreso anual da Rede de 'Cidades que Camiñan' a traballar no empoderamento das cidades para avanzar con máis decisión e confiou nesta rede ese papel potenciador da 'camiñabilidade'.

Esta arenga realizouna en Villanueva de la Serena (Badajoz) con motivo da súa participación na mesa redonda 'Empoderamento peonil e valentía política' no congreso anual da Rede, que, ademais, el preside como alcalde de Pontevedra. 

Durante a súa intervención, insistiu en que "a política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar, reducindo o espazo destinado aos vehículos e ampliando o dedicado ás persoas", pois "só así poderemos ter cidades diferentes, de maior calidade e non entregadas ao automóbil".

Lores estivo nesa mesa redonda con representantes das cidades extremeñas de Herrera del Duque e Villanueva de la Serena e enmarcou a decisión de transformar as cidades no ámbito global, seguro de que "é unha tendencia en todo o mundo mellorar a vida nos espazos urbanos e ten que ser a presión social e a decisión política capaces de mudar esa situación promovendo cidades para todas e todos". 

No congreso presentáronse as experiencias das cidades premiadas, o que serviu para poñer en común a idea de que a transformación pode realizarse en calquera cidade sexa cal sexa o seu tamaño. Este ano entregáronse os premios ás cidades de Cádiz, Carballo e Herrera del Duque.

A asamblea xeral da rede acordou lanzar esta organización municipalista como entidade de opinión sobre a potenciación da 'camiñabilidade' nas cidades reforzando o seu staff técnico e promovendo novas accións que reforcen o seu papel de referente das cidades que se convirten en espazos urbanos amables.

'Cidades que Camiñan', entidade presidida por Lores, é unha rede que agrupa a case 40 municipios de España e Portugal que en conxunto a conforman máis de 3 millóns de habitantes. Ademais de Pontevedra, participan na rede cidades como Sevilla, Cádiz, Córdoba, Irún, Ciudad Real, Maó ou Torrelodones.