Lores: "As cidades intelixentes son as que fan que as persoas que viven nelas sexan felices"

Pontevedra
07 de xuño 2017

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, participou este mércores na mesa de alcaldes celebrada en Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade que abriu as súas portas en Málaga

Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade
Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, participou este mércores na mesa de alcaldes celebrada en Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade que abriu as súas portas en Málaga.

Neste espazo de exposición, debate aberto, avaliación e reflexión tiña ao lado outros cinco rexedores: a alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado; á de L ́Hospitalet del Llobregat, Nuria Marín; ao alcalde de Jaén, Javier Márquez; ao de Málaga, Francisco de la Torre e ao de Vila-Real, José Benlloch.

Lores explicou que para el "as cidades intelixentes son as que fan que as persoas que viven nelas sexan felices" e definiu novas tecnoloxías como "unha ferramenta que acompaña ás decisións políticas", pero subliñando que son estas as que mudan unha cidade e transforman a vida das persoas.

Neste senso lembrou e reivindicou as competencias municipais sobre o espazo público para, de seguido, falar da transformación urbana de Pontevedra.

Representantes institucionais, profesionais e empresas teñen neste foro de  Greencities un punto de encontro para amosar e intercambiar experiencias, produtos e servizos dirixidos á mellora da calidade de vida das persoas e vencellados ao desenvolvemento das chamadas cidades intelixentes (smart city).