Lores buscará o respaldo da Corporación para reclamar a Feijoo que ceda o edificio de Benito Corbal

Pontevedra
15 de xaneiro 2016

O alcalde explicou que a intención do goberno local é ceder este inmoble de sete plantas á Universidade de Vigo para centro de investigación e incubadora de empresas, dentro do proxecto Campus Crea

Antigo edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal
Antigo edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal / PontevedraViva

O grupo municipal do BNG tiña previsto presentar para o próximo pleno unha moción na que se reclamaba ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a cesión do antigo edificio administrativo da Administración autonómica, no número 47 da rúa Benito Corbal.

Finalmente a moción foi retirada despois de que o resto de portavoces lle pedise que antes leve o asunto a comisión para tratar de que sexa unha proposta unánime. Lores aceptou.

Así o explicou o propio rexedor en rolda de prensa, convenindo en que é máis acertado que o goberno local solicite o apoio do resto de grupos para que a solicitude sexa unánime.

O alcalde tamén explicou que a intención do goberno local é ceder este inmoble de sete plantas á Universidade de Vigo para centro de investigación e incubadora de empresas, dentro do proxecto Campus Crea.

Lores lembrou que o pasado mes de xullo, durante a entrevista con Feijóo en Santiago de Compostela, xa lle fixo a solicitude e o presidente "dixo que se no prazo de tres meses non presentaban unha proposta de recalificación valorarían a posibilidade de cedelo para outros usos". O prazo xa pasou e o edificio segue igual de baleiro que cando foi pechado no ano 2008, "está que cae a cachos, e non hai máis tempo que perder para recuperalo", dixo Lores.

"Canto antes se tome a decisión política de cedelo para outros usos, antes poderíamos comprobar o seu estado, as actuacións que necesita e o seu destino", sinalou o alcalde da capital.