O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores considera unha "desautorización" á xestión da anterior concelleira de Igualdade, Yoya Blanco as críticas do PSOE ao Punto Morado que se instalou durante as festas da Peregrina.
A concelleira socialista Paloma Castro afirmou en rolda de prensa que "o goberno local está a frivolizar e racanear á hora de protexer ás mulleres ante a violencia machista" e criticou que o Punto Morado instalado "non garantía a intimidade, privacidade e profesionalidade que require a primeira atención dunha vítima de agresión, abuso ou acoso sexual".
Preguntado por estas críticas en rolda de prensa o alcalde comentou que "este ano as festas están a ser un éxito" coa cidade "de bote en bote" e enmarcou estas críticas do PSOE na intención de "empañar o resultado das festas".
"O que pasa é que intentar empañar o éxito das festas con esta cuestión eu creo que é unha desautorización da concelleira Yoya Blanco que era a responsable desta cuestión ata hai dous meses", manifestou o alcalde.
Lores sinalou que "todo o mundo sabe que estas cuestións hai que telas previstas previamente" en referencia á instalación de Puntos Morados "porque non se fan contratacións dá noite á mañán, teñen que estar previstas".
O alcalde engadiu que "algunhas propostas que se fan de seguridade houbo moito tempo para facelas".