Lores defende o modelo urbano de Pontevedra no III Foro das Cidades de Madrid

Pontevedra
13 de xuño 2018

O concelleiro de Desenvolvemento Urbano Sustentable de Madrid, José Manuel Calvo, mantivo no Foro das Cidades que aspira a que a capital española goce dos mesmos índices de calidade urbana que Pontevedra: "aspiramos a que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo feito do tamaño da cidade que habitan"

Participación de Lores no Foro das Cidades de Madrid
Participación de Lores no Foro das Cidades de Madrid / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, participou este mércores no III Foro das Cidades que ten lugar na Feira de Madrid e explicou o modelo urbano pontevedrés como unha transformación de éxito transferible a outras cidades, ao tempo que recibiu todo tipo de louvanzas por parte do resto dos participantes. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o concelleiro de Desenvolvemento Urbano Sustentable de Madrid, José Manuel Calvo, mantivo no Foro das Cidades que aspira a que a capital española goce dos mesmos índices de calidade urbana que Pontevedra, rexeitando de plano a idea de que pode lograrse en cidades pequenas e non en cidades grandes.

"Aspiramos a que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo feito do tamaño da cidade que habitan, e aspiramos a gozar dos niveis de calidade que ofrece Pontevedra aos seus cidadáns", sinalou o concelleiro madrileño. 

Lores participou, en concreto, no espazo Novos Urbanismos para a Nova Cidade, no que tamén estiveron representantes de Donostia, Madrid e a cidade finesa de Jyvaskyla. Foi relatora da sesión Laura Hagemann, alta funcionaria europea da dirección xeral de política rexional e urbana.

O alcalde de Pontevedra, pola súa parte, falou da transformación da cidade subliñando aqueles aspectos máis conceptuais, como a importancia de ter unha visión a longo prazo, a valentía política necesaria para levar a cabo a transformación ou o valor da política como arma para cambiar a realidade das cousas, mellorándoa.

Falou da natureza global e radical do cambio, resolvendo o dilema entre dedicar o espazo aos coches ou ás persoas en favor destas últimas, e centrarse non tanto en resolver problemas de tráfico, senón aumentar a calidade do espazo público en favor das persoas.

Despois de repasar as principais dimensións do modelo e os resultados que se foron obtendo, animou aos presentes a impulsar cambios profundos e a non abandonarse nas inercias da simple xestión pública.