Lores defende que "se constata" que Pontevedra "funciona cada vez mellor"

Pontevedra
12 de setembro 2024

Nun almorzo informativo celebrado no Cafetín, Fernández Lores destacou que, aínda que existen "certas disfuncións" das que asegura que "somos conscientes" e nas que se compromete a traballar, a cidade está a recibir un "novo impulso"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

Con motivo do inicio do novo curso político, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o labor desenvolvido polo goberno municipal nos últimos meses fai que "se constate" que o Concello "funciona cada vez mellor".

Nun almorzo informativo celebrado no Cafetín, Fernández Lores destacou que, aínda que existen "certas disfuncións" das que asegura que "somos conscientes" e nas que se compromete a traballar, a cidade está a recibir un "novo impulso".

"Seguimos poñendo a Pontevedra no mapa e seguimos sendo unha referencia", subliñou o rexedor da capital, que mostrou o seu "orgullo" polo traballo de todos os funcionarios municipais para poder mellorar a capacidade de xestión e a iniciativa política do seu goberno.

A iso sumou a estreita colaboración con outras administracións e o "cambio de actitude" que percibe nos partidos da oposición, cos que Lores espera que "sigan nesa liña" de colaboración en cuestións que son "importantes" para Pontevedra.

Entre os retos que a Boa Vila debe abordar nun "futuro inmediato", o alcalde enumerou o novo contrato de residuos, a renaturalización do Gafos, a adxudicación do parque da Parda ou programación paralela dos Premios Feroz, entre outras actuacións.

Poñerse ao día coas subvencións deportivas, licitar a reforma de Rosalía de Castro e o novo vial de Mollavao, materializar a compra dos terreos para o novo edificio de emerxencias, impulsar o cambio a LED da iluminación do Burgo e Lérez ou deseñar un Nadal "familiar e especial" tamén figuran nas prioridades municipais para os próximos meses. 

Ademais, o alcalde avanzou que "xa estamos traballando" no orzamento municipal de 2025, para o cal esperan coñecer en breve as "directrices" do Goberno central en materia de salarios e transferencias. A intención, dixo, é acordar as contas con PP e PSOE "por todas as vías", para acometer as actuacións "que sexan necesarias".

"PREOCUPADO" POR SANTA CLARA

Preguntado sobre o proxecto para a rehabilitación do convento de Santa Clara, Fernández Lores recoñeceu estar "preocupado" pola parálise que aprecia na súa tramitación, algo que achacou a que "van para adiante e para atrás" cos plans previstos.

"A ver se se centran un pouco e fan o que teñen que facer", sostivo o alcalde, que asegura que non se arrepinte de ceder a xestión do inmoble á Deputación porque o investimento necesario para a súa reforma "supera a capacidade do Concello".