Lores di que a sentenza sobre as dedicacións exclusivas do PP "executarase estrictamente"

Pontevedra
17 de xaneiro 2014

O alcalde, de regreso da súa viaxe a Bastia, sinalou que o grupo de goberno sempre estivo aberto ao pacto co PP para chegar a un acordo sobre as dedicacións exclusivas pero que foi o partido da oposición quen decidíu xudicializar este asunto

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, do seu regreso da viaxe a Bastia onde participou nunha xornada sobre mobilidade quixo facer referencia á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) das dedicacións exclusivas do PP para indicar que "vamos a executala estrictamente no que nos nosos asesores digan o que hai que facer".

Fernández Lores indicou en referencia ao Partido Popular que "houbo forzas políticas que son partidarias de xudializar este temas". E expuxo as súas dúbidas sobre se o acordo sobre as dedicacións exclusivas establecido ao comezo do mandato é anulable: "Igual non é anulable", apuntou. O alcalde sinalou que "sempre fomos partidarios do acordo. E, ata chegar ata esta situación, sempre estivemos nesa liña". Pero evitou referirse a se ía facerlle un ofrecemento ao grupo municipal do PP para negociar un novo pacto.

ESPECIALIDADES SANITARIAS EN SANTIAGO

Fernández Lores tamén fixo referencia á decisión do SERGAS de desviar pacientes do area sanitaria norte ata Santiago para a atención de seis especialidades. O alcalde criticou a actitude do goberno da Xunta por realizar recortes en materia sanitaria e lamentou que a administración autonómica non tivese ampliado o Hospital Montecelo: "a decisión de non facer Montecelo nos deixa con menos servizos, con menos capacidade de atención e de calidade sanitaria na nosa área. Desas augas veñen estes lodos. Os cidadáns de Pontevedra están discriminados claramente".

VISITA A BASTIA

Por outra parte, Lores indicou que a súa presenza na xornada de mobilidade celebrada en Bastia serviu para que os responsables de Intermodes visiten Pontevedra no mes de outubro, acompañados por xornalistas especializados que "darán repercusión á cidade".

Ademais, o alcalde capitalino será o encargado de entregar o Premio Intermodes ao gañador da edición deste ano o 6 de febreiro en Bruxelas.