Lores e Carmela Silva: "Hoxe non falamos de Ence"

Pontevedra
07 de setembro 2015

"Hoxe non falamos de Ence. Non tocaba falar", con esta resposta resolveu en rolda de prensa o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, as preguntas dos xornalistas sobre o contido da súa reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva

O alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación
O alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación / Mónica Patxot

"Hoxe non falamos de Ence. Non tocaba falar", con esta resposta resolveu en rolda de prensa o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, as preguntas dos xornalistas sobre o contido da súa reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Foi a propia presidente da Administración provincial quen xerou este interese ao adiantar días atrás que abordarían este polémico asunto na súa reunión de traballo co rexedor capitalino. Non obstante, tras concluír o encontro Carmela Silva mostrouse remisa a dar explicacións sobre este aspecto concreto.

Fernández Lores matizou que a única referencia ao complexo industrial de Ence-Elnosa tivo lugar á chegada da presidenta da Deputación, cando se parou con Carmela Silva durante uns instantes ante a foto que que se encontra no vestíbulo do Concello, que mostra a imaxe da ría antes do seu recheo.