Lores e Carmela Silva piden "levantar" a peaxe da AP-9 ata que acaben as obras en Rande

Pontevedra
15 de maio 2018

Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva sumáronse hoxe á indignación xeneralizada que existe entre os condutores que, a diario, circulan pola autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo, ante os atascos que se producen polas obras na ponte de Rande e, especialmente, ante a negativa de Audasa a levantar as barreiras da peaxe

Atasco en Rande por obras na ponte
Atasco en Rande por obras na ponte / PontevedraViva

Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva sumáronse hoxe á indignación xeneralizada que existe entre os condutores que, a diario, circulan pola autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo, ante os atascos que se producen polas obras na ponte de Rande e, especialmente, ante a negativa de Audasa a levantar as barreiras da peaxe.

Que se libere a peaxe entre Pontevedra e Vigo "é o menos que se pode pedir", asegurou o alcalde, mentres as obras en Rande non se acaban dunha "puñetera vez". Entende que é unha "auténtica vergoña" que os cidadáns estean a pagar as obras "e aínda por riba atascados".

A inauguración da ampliación de Rande, dixo, foi unha "mentira" e un "engano" do executivo de Mariano Rajoy para "subir a peaxe e facer unha foto" da que, engadiu, os seus protagonistas "deberían avergoñarse".

Fernández Lores reiterou que a peaxe entre as dúas principais cidades da provincia de Pontevedra é un "atraco a man armada", sobre todo cando "temos que soportar atascos para pasar Rande".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que ela mesma é vítima destes atascos porque "veño por aí todos os días" e non hai mañá, dixo, "na que non estea retida vinte minutos".

"É un escándalo", asegurou, ante a cal a indignación social "é total" porque a pesar de dedicar "moitos recursos" para ampliar a ponte de Rande "hai máis atascos que antes".

Silva defendeu que "hai que levantar a peaxe" e entende que "non vale" que o goberno central e o goberno galego "pretendan poñer toda a carga" sobre a concesionaria, xa que lembrou que Audasa "non goberna" e son eles os que "teñen que tomar decisións xa".

"Menos bombo, menos platillo e máis decisións rigorosas", sinalou a presidenta, que criticou tamén as inauguracións "por anacos" que a Xunta de Galicia está a realizar nas obras da Autovía do Morrazo.