Lores, en PontevedraViva Radio: "Non desbotamos pactar para darlle maior estabilidade ao goberno"

Pontevedra
07 de xuño 2016

O alcalde recoñece que a actual correlación de forzas na corporación e a falta dun socio de goberno estable xeran "dificultades", pero reitera que na oposición "non hai alternativa". A pesar diso, asegura que máis aló de acordos puntuais nalgúns asuntos "non desbotamos pactar para darlle maior estabilidade ao goberno"

Miguel Anxo Fernández Lores, na redacción de PontevedraViva
Miguel Anxo Fernández Lores, na redacción de PontevedraViva / Mónica Patxot

Hai un ano o BNG conseguía o seu mellor resultado electoral no Concello de Pontevedra con doce concelleiros, o cal non significa que estea a ser o seu mandato máis sinxelo. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fai en todo caso un balance "positivo" destes primeiros doce meses deste quinto mandato, xa que asegura que "empezamos con moita forza, actividade e participación coa xente".

Nunha entrevista en PontevedraViva Radio, Fernández Lores recoñece que a actual correlación de forzas na corporación e a falta dun socio de goberno estable xeran "dificultades", pero reitera que na oposición "non hai alternativa". A pesar diso, asegura que máis aló de acordos puntuais nalgúns asuntos "non desbotamos pactar para darlle maior estabilidade ao goberno".

Iso si, avisa, o goberno municipal seguirá avanzando nun modelo urbano "que está a ser exitoso e recoñecido internacionalmente" e onde ve diferenzas "notorias e diverxentes" cos demais partidos "que queren ir contra a liña de flotación deste modelo", cando a maior parte dos pontevedreses, insiste, "están encantados con esta cidade".

O alcalde analiza ademais nesta entrevista o modelo polo que apostará o goberno municipal co seu plan de compostaxe, para o que confía nunha participación "activa" dos pontevedreses e que esperan ter en marcha "completamente" antes de final de mandato; ou a ampliación de Montecelo, "unha vitoria da sociedade pontevedresa", ao renunciar a Xunta a Monte Carrasco, "e unha constatación de que en realidade non querían facer nada".

Con respecto a Ence, Lores afirma que "cada vez estou máis convencido" de que a prórroga outorgada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy é o peor que lle pasou a Pontevedra nos 17 anos de mandato do BNG. "A maior parte da contaminación da ría é culpa de Ence e Elnosa", reitera o rexedor da capital, "e iso desde vos concellos non ou podemos resolver".

Aínda que tamén entoa o 'mea culpa', ao recoñecer que o saneamento das redes municipais "non está ao 100%", Lores afirma que a súa única frustración como alcalde sería "non sanear a ría". Terá tempo, iso si, porque non pon data á súa retirada política. "Para as próximas eleccións, aínda queda moito tempo", conclúe.

Escucha íntegra a entrevista a Miguel Anxo Fernández Lores en PontevedraViva Radio.