Lores lamenta os "titubeos" e os "bandazos" na xestión da pandemia

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

"Agardo que cheguen a tempo para evitar males aínda maiores", engadiu Fernández Lores sobre as noavs restricións, tras asegurar que desde Pontevedra "hai moito tempo que levamos dicindo que había que tomar medidas máis drásticas" para reducir a mobilidade dos cidadáns

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

As novas medidas anunciadas polo presidente da Xunta, que inclúen duras restricións en toda Galicia, "chegan claramente tarde", segundo lamentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha declaración institucional.

"Agardo que cheguen a tempo para evitar males aínda maiores", engadiu Fernández Lores, que asegurou que desde Pontevedra "hai moito tempo que levamos dicindo que había que tomar medidas máis drásticas" para reducir a mobilidade dos cidadáns.

O rexedor pontevedrés apunta que "por fin" tras moitos "titubeos" e "bandazos" da Xunta de Galicia aumentáronse estas restricións. Pero nesta xestión "errática", Lores tamén inclúe ao Estado español, ao que lle achaca que non haxa "protocolos claros" de actuación.

Fernández Lores asegura que "só o colapso dos hospitais" levou ao goberno galego a endurecer as restricións e censurou que a "escusa" fora sempre non empeorar a situación económica.

"Está demostrado que a economía empeora máis canto máis se tarde en actuar", afirmou o alcalde de Pontevedra, que reitera que estas novas medidas deben ir acompañas de compensacións económicas aos sectores máis afectados como a hostalería ou o comercio.

Só cun maior control sobre o virus e cunha vacinación masiva, segundo o alcalde, "poderemos volver á normalidade" e á senda do crecemento económico.