Lores negociará cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa

Pontevedra
22 de marzo 2018

O Concello ofrecerá a parcela municipal reservada para a construción dun hotel de catro ou cinco estrelas na urbanización de Tafisa, a máis próxima á ponte dos Tirantes, actualmente ocupada por un estacionamento para auto caravanas

Estacionamento para autocaravanas na parcela prevista para acoller un hotel
Estacionamento para autocaravanas na parcela prevista para acoller un hotel / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ten previsto negociar cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa.

A tenente de alcalde, Anabel Gulías, informou ao seu regreso do país azteca que "marchamos cun sabor agridoce", porque houbo que suspender a reunión prevista no Centro Galego en México, debido ao recente asasinato dun empresario radicado na cidade azteca, que era familiar do presidente do centro, José González.

Nesa cita frustrada o alcalde e a concelleira de promoción económica tiñan a "firme intención" de reunirse con algún grupo hostaleiro mexicano para "ofrecerlle a posibilidade de investir en Pontevedra".

Anabel Gulías lembrou que "isto non é novo, é unha vella demanda do concello ter equipamento hostaleiro de primeiro nivel" para o que estaba previsto este encontro cun "importante grupo investidor".

O goberno local non desiste desta idea polo que tentará que se celebre en Pontevedra "cando algún destes empresarios poida desprazarse" e comprobar sobre o terreo as posibilidades que ten a cidade.

O Concello ofrecerá a parcela municipal reservada para a construción dun hotel de catro ou cinco estrelas na urbanización de Tafisa, a máis próxima á ponte dos Tirantes, actualmente ocupada por un estacionamento para auto caravanas.

A parcela ten unha superficie de 3.173 metros cadrados e permite unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados, equivalente a un edificio de seis plantas con aproveitamento baixo cuberta. O Concello pedía uns dous millóns de euros por este solar.

Por outra banda, Anabel Gulías tamén avanzou a intención do goberno local de organizar un encontro con expertos internacionais no deseño urbano, aproveitando os importantes contactos que se fixeron en México con expertos "de primeiro nivel".