Lores ofrece á alcaldesa de París os "séculos de sabedoría acumulada" dos canteiros galegos para rehabilitar Notre Dame

Pontevedra
18 de abril 2019

O alcalde trasladou o seu "máis sincera solidariedade" ao pobo de París tras o incendio que destruíu a cuberta do templo de Notre Dame a través dunha carta remitida a Anne Hidalgo. Lembroulle que en Pontevedra hai dúas prestixiosas escolas de restauración e cantería con múltiples referencias internacionais 

Encontro de Fernández Lores con Anne Hidalgo, alcaldesa de París
Encontro de Fernández Lores con Anne Hidalgo, alcaldesa de París / Joaquín Barreiro

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladou o seu "máis sincera solidariedade" ao pobo de París tras o incendio que destruíu a cuberta do templo de Notre Dame. Fíxoo a través dunha carta remitida á alcaldesa de París, Anne Hidalgo, á que coñeceu o pasado mes de novembro con motivo da súa participación no Forum Smart City Paris 2018. 

Ademais de compartir a súa "pena" e transmitir a súa "calor e agarimo", Lores ofreceu á alcaldesa toda a súa colaboración e lembroulle que "Galicia é un país de canteiros, con séculos de sabedoría acumulada" e que en Pontevedra hai dúas prestixiosas escolas de restauración e cantería con múltiples referencias internacionais. 

Este ofrecemento de Lores chega tras a oferta de colaboración xa realizada por antigos alumnos da Escola de Cantería para as tarefas de restauración do que cualifica como o "símbolo arquitectónico máis prezado" pola capital de Francia

Ademais, comparte cos parisienses "a satisfacción" polo feito de que a estrutura medieval do edificio siga en pé, como "demostración da sabedoría e o bo facer dos mestres e obreiros de hai 800 anos". Destaca que, "unido á pericia dos bombeiros de hoxe", ese coñecemento fixo que os danos non fosen irreparables. 

"Oxalá pronto todas e todos podamos pisar de nova nosa querida Notre Dame", termina a misiva de Lores.