Lores ofrece colaboración á Xunta para mellorar a PO-224 despois de rexeitar as novas fases da A57

Pontevedra
21 de novembro 2025
Actualizado: 15:53

O Concello de Pontevedra remite unha carta á conselleira Allegue explicando o rexeitamento aos dous tramos previstos da A57, tras acordo plenario, e propoñendo alternativas para circunvalar a cidade

Miguel Anxo Fernández Lores ofrece a colaboración coa Xunta para mellorar a PO-224
Miguel Anxo Fernández Lores ofrece a colaboración coa Xunta para mellorar a PO-224 / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra trasladou á Consellería de Infraestruturas, Planificación e Vivenda da Xunta de Galicia o compromiso de colaborar de xeito activo na mellora da estrada PO-224.

Tamén se ofrece na procura de alternativas á continuidade da A-57, despois de que se rexeitaran as dúas fases previstas no acordo plenario adoptado por unanimidade o luns 17.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, enviou unha carta á conselleira María Martínez Allegue, tal e como se acordara coa titular de Infraestruturas nunha conversa previa ao pleno, na que lle ofrece a total disposición do Concello para manter reunións, tanto políticas como técnicas, coa finalidade de elaborar propostas viables e adaptadas ao territorio.

O acordo municipal recolle catro puntos fundamentais:

  • O rexeitamento da circunvalación nos tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro

  • Proposta de redirixir os fondos previstos para estes proxectos á continuación da estrada A-57 cara ao Confurco, a A-52 e Portugal.

  • Demanda dunha conexión directa, por parte do goberno do Estado, con Vigo desde o actual trazado feito entre Vilaboa e Pilarteiros, xa que a conexión Vilaboa-Vigo pola autoestrada actualmente non existe.

  • Mellora substancial da PO-224, estrada de titularidade autonómica, sen que implique ampliación do número de carrís.

Fernández Lores destacou a necesidade urxente de actuar na PO-224, "que leva 40 ou 50 anos sen melloras importantes" e presenta numerosas curvas e puntos críticos, como a ponte sobre o Lérez, que dificulta o cruzamento de vehículos.

O obxectivo é que os veciños do leste do municipio, especialmente entre Bora e Barro, poidan dirixirse cara Vilagarcía ou o Salnés sen ter que entrar na cidade de Pontevedra, evitando así maior tráfico e molestias aos núcleos rurais.

O alcalde de Pontevedra coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue
O alcalde de Pontevedra coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez AllegueCristina Saiz

O rexedor tamén puxo en valor a experiencia e capacidade técnica do Concello para propoñer alternativas viarias que non impacten negativamente no territorio nin na infraestrutura existente, resaltando a importancia de manter unha relación de lealdade institucional coa Xunta.

A conselleira, segundo o alcalde, amosou unha boa disposición inicial para estudar as melloras propostas, comprometéndose asdúas partes a avanzar con dilixencia nestas solucións, coa finalidade de optimizar as conexións viarias e responder ás necesidades da veciñanza.