Lores pedirá a Núñez Feijóo igualdade de trato para Pontevedra

Pontevedra
06 de xullo 2015

O alcalde de Pontevedra agarda a data de celebración do encontro co presidente da Xunta de Galicia, que este luns iniciou os contactos cos rexedores das cidades máis importantes de Galicia cunha entrevista con Abel Caballero, alcalde de Vigo

Alberto Núñez Feijóo e Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita ao CGTD
Alberto Núñez Feijóo e Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita ao CGTD / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra encóntrase á espera da chamada do presidente da Xunta de Galicia para fixar a entrevista que ambos os dous dirixentes manterán nas próximas semanas dentro do calendario que Alberto Núñez Feijóo iniciou este luns 6 de xullo en Santiago de Compostela co rexedor de Vigo, Abel Caballero.

O voceiro do goberno local, Raimundo González, afirmou que Miguel Anxo Fernández Lores aproveitará esa entrevista para reclamar as demandas históricas da cidade: a ampliación de Montecelo, o saneamento da ría de Pontevedra, o colector do río Gafos, a variante de Alba ou o complexo lúdico da Parda.

Pero sobre todo, Fernández Lores pedirá ao presidente da Xuntaigualdade no trato con Pontevedra pedíndolle a normalización das relacións institucionais. Raimundo González apuntou que nos últimos anos, as relacións da Xunta de Galicia co Concello pontevedrés deixaban "moitísimos que desexar".

Neste sentido, o voceiro do equipo de goberno recordou que con outras administracións as relacións son normais e desa colaboración, como sucede co ministerio de Fomento, permiten a realización de diferentes proxectos. "Forzosamente temos que colaborar", sinalou González.