Lores quédase con que "o BNG duplicou votos e amosamos que somos unha forza en alza"

Pontevedra
29 de abril 2019
Actualizado: 19:21

O candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores amosouse este luns "contento" polos resultados que o Bloque acadou na cita electoral deste domingo

Mitin do BNG en Pontevedra na campaña das eleccións xerais do 28A
Mitin do BNG en Pontevedra na campaña das eleccións xerais do 28A / Mónica Patxot

O candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores amosouse este luns "contento" polos resultados que o Bloque acadou na cita electoral deste domingo porque "duplicou votos, e amosamos que somos unha forza en alza, estable e que ofrece garantías aos veciños".

Tamén destacou que Pontevedra "contribuíu ao bo resultado do BNG" e quixo agradecer o "traballo ilusionante" que se leva facendo nestas últimas semanas "tanto dende dentro como dende fóra da organización, a nivel local, para seguir crecendo con firmeza".

De feito, o candidato destacou que "a candidatura de Pontevedra traballa dende xa nas vindeiras eleccións municipais", a cita do próximo 26 de maio, co obxectivo de "acadar os mellores resultados posibles".

En Pontevedra, o BNG mantivo este luns unha reunión extraordinaria para pechar os primeiros actos de precampaña e campaña para as eleccións municipais, que se darán a coñecer esta mesma semana.

LIÑA ASCENDENTE

O responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, tamén valoraba os resultados electorais da formación nacionalista na comarca de Pontevedra. Sinala que en numerosos concellos duplicouse a porcentaxe de voto. Un dato que, segundo apunta, marca a liña ascendente do BNG.

Demetrio Gómez afirmou que a comarca de Pontevedra contribuíu de forma importante a que o BNG obtivera este resultado electoral e agradeceu o traballo realizado polos equipos do Bloque durante a pasada campaña e anunciou que xa se está a traballar de cara á vindeira cita municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora