Desde que se iniciaron as vacinacións masivas en abril ata finais do mes de outubro, o Recinto Feiral converteuse nun dos puntos de referencia en Galicia para aquelas persoas que se atopaban citadas, dentro da área sanitaria, para recibir as doses dentro da campaña de vacinación masiva organizada pola Consellería de Sanidade contra a pandemia da covid-19.
Pero esta situación xa non se pode retomar, segundo alertaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Este xoves lembraba que así llo comunicara ao xerente da área sanitaria José Ramón Gómez cando lle expuxo a posibilidade de retomar vacinacións masivas de escolares nese espazo a partir de novembro, pero sen datos concretos.
Fernández Lores indica que, unha vez retomada a actividade feiral e congresual, este espazo atópase comprometido para albergar outro tipo de eventos como o Culturgal ou o Salón Etiqueta Negra. O alcalde da capital recoñeceu que a xerencia agradecera a dispoñibilidade que o Concello mantivera durante todos os meses previos coa cesión do Recinto Feiral e a montaxe do operativo con labores de limpeza e de seguridade.
O máximo representante municipal sinala, ademais, que non existe outra alternativa a este espazo con dimensións similares e aparcamento. Lores considera que a Consellería de Sanidade debe administrar as vacinas a menores nos centros escolares a través de equipos móbiles e para as persoas maiores deben utilizarse os centros sanitarios cun reforzo do persoal.
O rexedor realizaba estas manifestacións tras manter un encontro con representantes da Plataforma SOS Sanidade na alcaldía. Precisamente, Manuel Martín, portavoz deste colectivo apoiaba a visión de Fernández Lores asegurando que "é incomprensible que tendo a rede de Atención Primaria con profesionais médicos e sanitarios haxa que recorrer a espazos non sanitarios para a vacinación".
Martín considera estas accións por parte do Sergas un exemplo do desperdicio de espazo de Atención Primaria e asegura que a administración sanitaria autonómica debe xestionar e planificar utilizando os centros de saúde para vacinar por tramos de idade.