Lores rexeita formar parte da mesa de traballo sobre a Ría proposta por Ence

Pontevedra
14 de maio 2014

O alcalde de Pontevedra insiste en que a postura do Concello non vai variar e afirma que "non me van convencer de nada". Pola súa parte, o portavoz do PSOE, Antón Louro, entende que é unha proposta interesante

Asentamento industrial ENCE-ELNOSA
Asentamento industrial ENCE-ELNOSA / Juan Mejuto
O alcalde de Pontevedra rexeita participar na mesa de traballo sobre a ría proposta por Ence /

Os socios de goberno mostran diferenzas respecto á proposta de Ence de abrir unha mesa de traballo sobre a Ría de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores manifestou o seu rexeitamento a participar nesa cita que realiza a empresa pasteira mentres que dende o PSOE, Antón Louro, considera que se trata dunha proposta que "valora e respeta".

Neste sentido, Fernández Lores mantén a súa postura de que "os terreos son públicos e recuperables. Queremos recuperar os recursos naturais da ría. Ence xa sacou a máxima rendibilidade desa zona e se quere seguir producindo ten que buscar un espazo alternativo e ten que buscalo ela, non o Concello".

O alcalde afirmou en relación coa participación na mesa que "eu non teño ningún interese en ningunha mesa porque non vamos a ceder na nosa posición. Para que é a mesa? Para que se quede? Nós o que queremos é que se vaian e canto antes". E engadiu que a postura do seu grupo político non vai variar: "Non me van convencer de nada. Ese é un terreo público que non debe ser nunca destinado para usos produtivos privados e por iso Ence non vai contar coa anuencia do Concello para seguir producindo en Lourizán, nin sequera 15 días máis. Que busque unha alternativa".

Non obstante, Antón Louro dende as filas socialistas non ve con malos ollos a proposta lanzada dende a pasteira. Entende que é unha opción que se debe valorar e respectar para tratar os problemas da presenza de coliformes na ría.