Lores segue promocionando o modelo de cidade de Pontevedra no exterior e vía telemática

Pontevedra
09 de maio 2020

Este próximo sábado pola tarde participa nunha mesa redonda por videoconferencia na xornada organizada polo colectivo francés La Meute d'amour coa intención de repensar o mundo futuro

Visita do investigador Carlos Moreno á cidade
Visita do investigador Carlos Moreno á cidade / Mónica Patxot

O colectivo cidadán francés La Meute d'amour ofrece este sábado 9 de maio un evento internacional coincidindo co Día Mundial da Aves Migratorias. Dadas as restricións de mobilidade ás que obriga a pandemia motivada pola COVID19, os participantes na iniciativa intervirán desde os seus respectivos lugares de residencia a través de videoconferencia.

A convocatoria denominada 'Notre terre, on l’aime! Le festival qui pense demain' (Nosa terra, amámola! O festival que pensa mañá) pretender facer repensar o mundo neste contexto de confinamentos e contencións das persoas, para crear un planeta máis respectuoso co medio ambiente, máis xusto e unido. 

Desenvolveranse mesas redondas e intervencións virtuais con medio centenar de participantes do ámbito científico, artístico, univesitario e político. Entre estes últimos está o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores quen intervirá ás 17.10 horas xunto á especialista en estratexia urbana Alice Cabaret, o arquitecto Philippe Madec e o profesor da Universidade da Sorbona, Carlos Moreno, quen ademais tivo ocasión de coñecer Pontevedra persoalmente nunha visita institucional en outubro de 2018.

O tema que abordará a mesa redonda en que participa Fernández Lores é: 'Reducir velocidade, é posible?'. A invitación a este evento responde á proxección que o modelo de cidade desarollado en Pontevedra está a ter internacionalmente nos últimos anos e "que se ve reforzado por mor da crise sanitaria da COVID19, coa procura de referentes en mobilidade sostible, en cidades pensadas para as persoas e que funcionen e estean xa contrastados", sinalan desde o Concello da capital.

As intervencións previstas nesta xornada serán accesibles en directo a través da páxina web www.lameutedamour.org, tamén a través de Zoom e retransmitidas a través de Youtube e Facebook.