Lores solicitará entrevistarse coa dirección de Tafisa para intentar frear o peche

Pontevedra
22 de maio 2014

O comité de empresa de Tafisa e representantes sindicais reuníronse co alcalde de Pontevedra dentro da rolda de contactos con autoridades. Este venres manterán un encontro con Louzán

Reunión dos traballadores de Tafisa co alcalde de Pontevedra
Reunión dos traballadores de Tafisa co alcalde de Pontevedra / PontevedraViva
O alcalde de Pontevedra intentará manter unha xuntanza coa dirección de Tafisa /

O alcalde de Pontevedra comprometeuse, ante os membros do comité de empresa de Tafisa e representantes dos tres principais sindicatos, a solicitar unha reunión coa dirección da fábrica situada en Ponte Caldelas para trasladarlles a súa preocupación ante o peche anunciado e a perda de 60 postos de traballo.

Miguel Anxo Fernández Lores referiuse a que o contacto coa propietaria da empresa, o grupo Sonae, finalizou no ano 2003 coa recualificación dos terreos que a factoría ocupaba en Pontevedra, nas beiras do Lérez. Pero engadiu que iniciará "unha rolda de contactos para ver se podemos botar unha man, para que o comité de empresa poida ter reunións do máis alto nivel coa máis alta dirección de Sonae para que lle expliquen ou rectifique a posición que teñen".

José Manuel Moledo, presidente do comité de empresa, volveu manter a súa discrepancia coas cifras de perdas que manexa a dirección da empresa e que se sitúan en 9,7 millóns de euros. Os traballadores insisten en que dende que se produciu un cambio na dirección da fábrica, hai once meses, se detectou unha mellora e as cifras foron positivas ao longo deste ano.

Este venres 23, os traballadores de Tafisa reuniranse co presidente da Deputación, Rafael Louzán, dentro do calendario de entrevistas que decidiron levar a cabo antes de que o 27 de maio inicien a folga indefinida na fábrica.