Lores sostén que "non ten sentido" negociar co PSOE ata que "cambie de opinión" porque "ten decidido non entrar no Goberno"

Pontevedra
14 de agosto 2023

Ao alcalde parécelle "unha opción válida, como calquera outra" e tamén "respectable" que os socialistas non queiran entrar no Goberno e mantén a man tendida: "Cando cambie de decisión, sentarémonos a falar e chegaremos a un acordo sen dúbida" 

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acaba de retomar a axenda oficial tras uns días de vacacións e, na súa primeira comparecencia, quixo facer balance da actividade do Goberno local desde que tomou posesión o 17 de xuño e do estado actual das negociacións co PSOE para conformar un Goberno bipartito.

Esas negociacións están paralizadas e, á vista do ocorrido nas últimas semanas, e tamén durante o último ano de mandato e durante a campaña electoral, Lores chega á conclusión de que "o PSOE ten decidido non entrar no Goberno". 

Ao alcalde, esa parécelle "unha opción válida, como calquera outra" e tamén "respectable", pero considera que, mentres non cambie esa decisión, "non ten sentido" negociar para constituír un Goberno coaligado. 

"Cando cambie de decisión, sentarémonos a falar e chegaremos a un acordo sen dúbida", sinalou Lores, que segue coa man tendida a constituír un Goberno bipartito, pero ve no PSOE unha decisión "política" de non entrar no Goberno, como tampouco quixo entrar en Santiago de Compostela, onde goberna a nacionalista Goretti Sanmartín. 

Fernández Lores quixo "agradecer expresamente" ao PSOE que o apoiase para a investidura "para que eu seguise sendo alcalde", pois non estaría no cargo sen o voto socialista. 

Sobre esta nova etapa cun Executivo de tan só nove concelleiros, Lores lembrou que xa gobernou sen maioría no pasado e nos seus 24 anos e sete mandatos como alcalde xa ten experiencia con todo tipo de gobernos en solitario e en coalición, con maioría, e en minoría. 

Unha cuestión na que quixo insistir é en que "temos moi decidido que queremos para esta cidade", un modelo de vangarda e pensado para as persoas, e "imos seguir nesa liña", de modo que hai dúas opcións, que o PSOE entre no Goberno para seguir con ese modelo ou que non. A "última alternativa" sería que fixese unha moción de censura e "iso pasa por que se poñan de acordo o PP e o PSOE". 

De momento, nos dous primeiros meses gobernando en solitario, realiza un balance "moi positivo" do traballo de todos os concelleiros e tamén da alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, durante a súa ausencia.