A crise económica que xerou a pandemia do coronavirus foi, tras a situación sanitaria, a maior preocupación das administracións públicas nos últimos meses.
A gran maioría dos concellos, entre eles o de Pontevedra, foi adoptando unha serie de medidas para tratar de aliviar o impacto da crise nos sectores produtivos. Pero agora que moitos piden axudas directas para compensar estas perdas, empezan as dúbidas.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, considera que é "discutible" que a administración local deba repartir este tipo de axudas, primeiro por unha cuestión legal e segundo porque ese diñeiro "ten que ir a xente que o necesita".
Fernández Lores sinalou que os concellos non deben conceder estas axudas directas sen saber a "situación económica real" de cada sector, porque a administración local "non pode cubrir o lucro cesante" dunha empresa.
"Exerceremos as nosas competencias e non vamos a saltar a normativa nin a poñer en risco a situación económica do Concello", apuntou o rexedor pontevedrés, que apela á "prudencia, sensatez e responsabilidade" á hora de tomar decisións.
Tras destacar o "compromiso" do goberno municipal de Pontevedra para que durante o estado de alarma "ninguén tivera que pagar" taxas e impostos, o alcalde apuntou que "unha vez que teñamos unha visión en conxunto" da situación haberá novas medidas.
"Aínda non sabemos o que vai a pasar. Non me gusta prometer cousas que despois non podo cumprir ou arruinar ou Concello en cuestións discutibles e que parten de plantexamentos interesados e parciais", engadiu Fernández Lores.
A este respecto, o alcalde reiterou que Pontevedra é partidaria de reactivar a economía da cidade mediante a dinamización económica, social e cultural "porque é onde se lle quita rendemento aos cartos públicos".
APOIO DE CARMELA SILVA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou estar de acordo co exposto polo rexedor local e instou a que cada administración "asuma as súas competencias" á hora de reactivar a economía.
Silva subliñou que os concellos deben incentivar a celebración de eventos que "xeren oportunidades" e manter a súa actividade "para que siga vindo xente" a Pontevedra.
A partir de aí, dixo, as axudas ao comercio, á industria ou aos sectores primarios corresponden á Xunta de Galicia, da mesma maneira que os ERTES ou as axudas por cesamento actividade, aos autónomos ou ao sector cultural e turístico foron aprobadas polo Estado.
De cara ao futuro, a presidenta provincial enviou un "aviso a navegantes" e advertiu que os entes locais non deben asumir, como na crise anterior, os recortes que impoña a situación creada pola pandemia porque "damos resposta a todo desde primeira liña".
A caída dos ingresos, segundo a dirixente socialista, provocará suprimir os gastos, pero reiterou que a administración local "non podemos sufrir os recortes outra vez", ao entender que afectaría "directamente" os recursos dispoñibles para os cidadáns.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.