Recuperar a vella Casa dos Mestres é unha reivindicación que vén de lonxe no CEIP Álvarez Limeses.
O tema con todo foi abordado de novo este luns coincidindo coa apertura do curso escolar e coa visita ao céntrico colexio do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez.
Ambos os dous responsables municipais, que antes visitaran CEIP de Marcón, trataron co director do centro da situación deste inmoble pegado ao patio do colexio e que se atopa en estado de abandono.
"É propiedade da conselelería de Educación e o centro segundo di o director que ten necesidades de espazo, así que o normal é seguir mellorando un equipamento educativo que é un servizo fundamental", sinalou Lores respecto diso.
O alcalde afirmou que "entendo que non é ilimitada a capacidade que ten a consellería de facer cousas pero neste caso creo que está xustificado facer unha investimento aquí para completar o funcionamento do centro por cuestións que son imprescindibles".
Eses asuntos imprescindibles serían "cuestións de seguridade pero sobre todo porque tamén pode resolver problemas estructurais do propio centro".

O alcalde explicou que unha actuación de rehabilitación na Casa dos Mestres permitiría, entre outras cousas, habilitar un ascensor no colexio e incrementar as aulas de acompañamento "que son necesarias".
Por ese motivo "na medida do posible apoiaremos a súa reivindicación", sinalou.
No que respecta ao resto de colexios do municipio "durante o verán se fixeron algúns tipos de obras necesarias de mantemento. Non están todas feitas, hai algunha cousa ainda pendente que intentaremos facer antes de que chova, sobre todo temas de canalizacións", explicou Fernández Lores.