Lores: "ÿ coñecida a relación que houbo do PP con todo o sector do contrabando de tabaco que despois se dedicou a outras cousas"

Pontevedra
01 de abril 2013

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo referirse ás fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado aludindo á relación histórica que, segundo afirmou, manteñen o Partido Popular con personaxes relacionados con actividades ilegais. E reclama explicacións do presidente da Xunta e decisións contundentes

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, fixo referencia ás fotografías publicadas polo diario El País esta fin de semana nas que aparece Alberto Núñez Feijóo nun iate e nun vehículo acompañando ao narcotraficante Marcial Dorado durante unhas vacacións no ano 1995 cando Feijóo era número 2 da Consellería de Sanidade.

Lores indicou que este tipo de conexións non o collen por sorpresa: "Para min non é ningunha novidade porque é coñecida historicamente a relación que houbo do Partido Popular con todo o sector inicialmente do contrabando de tabaco e me saen nomes como Ligero, Nené e cousas polo estilo que estaban relacionados e algúns tiñan carné do Partido Popular... A excusa era que só se dedicaban ao contrabando de tabaco e logo foron dedicándose a outras cousas".

De esta forma, Lores facía mención así a José Ramón Barral, Nené, ex alcalde popular de Ribadumia que foi detido en 2001 nunha operación contra o contrabando de tabaco e evasión fiscal, e tamén a Manuel Díaz, apodado El Ligero, líder de Alianza Popular en A Guardia.

Ante esta relación o alcalde pontevedrés afirma que "merece unha explicación ben explicada, se é posible, polo presidente". E engadiu "arredor do contrabando e do tráfico de drogas hai moita miseria neste país e que un personaxe público apareza relacionado directamente merece moitas explicacións e decisións contundentes".

E neste sentido remitiouse a que "hai estamentos políticos e parlamentos onde se teñen que esixir responsabilidades. O BNG como forza política pedirá a dimisión e presentará unha solicitude de explicación no Parlamento".