O parque de Costa Xiráldez e a praia de Lourido serán escenario, un ano máis, do Festival Chalaniña, unha das iniciativas familiares de referncia dentro do programa municipal Verán en Poio.
As actividades, todas elas de balde, desenvolveranse entre o xoves 28 e o domingo 31 de xullo, con propostas musicais, de maxia, malabares e algunha que outra sorpresa, anunciaron na súa presentación.
"É unha aposta que fixemos no seu día para a veciñanza e para as persoas que visitan Poio durante o verán e que desenvolvemos en dous dos enclaves de referencia do municipio, como son as inmediacións da praia de Lourido e o parque de Costa Xiráldez. A fórmula funciona moi ben e entendemos que é necesario mantela", asegura o edil de Festexos, Xosél Luís Martínez.
Todas as actividades previstas na praia de Lourido darán comezo ás 19.00 horas, empezando o xoves 28 co espectáculo de Uxía Lambona e A Banda Molona. Pola súa banda o venres 29 será a quenda da maxia co Mago Teto e o seu show 'Alquimia', e o sábado 30 dos malabares de Fran Boza e o seu espectáculo 'Malabarabilidades'.
A xornada final, o domingo 31 de xullo, celebrarase no parque de Costa Xiráldez, onde Al Grano ofrecerá un espectáculo de aéreos.
O broche ao Festival Chalaniña poñerá punto e final ese mesmo domingo cun concerto de The Lakazans, a partir das 21.30 horas.