O Pazo de Lourizán abriu as súas portas ao público este mércores na segunda das xornadas de visitas guiadas organizadas pola Xunta de Galicia este Nadal, pensadas para que a cidadanía poida coñecer esta propiedade emblemática antes do proceso de rehabilitación ao que será sometida.
O conselleiro do Medio Rural, José González, encabezou a visita, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez.
Durante esa visita, anunciou a última novidade relativa ao concurso de ideas convocado pola Xunta para realizar esa reforma. Segundo anunciou, presentáronse 34 proxectos.
O xurado que está a avaliar estas propostas está conformado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e diversos expertos no sector. Ademais, creáronse dúas Comisións Auxiliares, unha Comisión Administrativa e unha Comisión técnica, co fin de escoller a proposta máis acaída para lograr os obxectivos que persegue a rehabilitación.
O xurado escollerá primeiro os oito proxectos que mellor se adapten. As empresas que os presentaron terán un prazo dun mes para presentar propostas concretas de rehabilitación integral e de novos usos. Estes proxectos serán avaliados pola Comisión Técnica, que fará a súa proposta ao xurado.
O concurso finalizará coa presentación do gañador, os segundos e os terceiros finalistas e cinco accésit. Todos eles percibirán un premio económico en compensación.
A Xunta destinará 17,9 millóns de euros a rehabilitar o Pazo. Os orzamentos de 2024 contan cunha dotación de preto de 870.000 para o concurso e para redactar o proxecto básico e de execución baseado na iniciativa gañadora e a previsión é que as obras estarán rematadas en 2026.
O obxectivo é converter o Pazo de Lourizán no espazo aglutinador dun ecosistema de estudo e análise estatístico, investigación, formación e divulgación forestal. As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regrada e non regrada.
Ademais, a combinación da rehabilitación dun edificio histórico emblemático, como é o Pazo, coa posta ao día do resto de instalacións e itinerarios polo xardín botánico, xerarán un importante atractivo para un turismo de carácter cultural.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.