Lourizán contará con tecnoloxía led en toda a rede de alumeado público

Pontevedra
09 de setembro 2019

A intervención ten un orzamento de 272.000 euros e un prazo de execución de 30 días

Farol
Farol / Juan Mejuto

A Xunta de Goberno aprobou, na súa sesión deste luns, a contratación da substitución das luminarias leds que faltaban na parroquia de Lourizán.

Este proxecto ascende a 272.000 euros, ten un prazo do execución de 30 días, e completará a colocación de lámparas con esta tecnoloxía naquelas rúas e camiños nas que aínda non se implantara. Hai que lembrar que unha parte da parroquia (a máis próxima a Marín) xa dispón desta tecnoloxía grazas a un proxecto conxunto que se realizara anteriormente co Concello de Marín.

Esta intervención enmárcase dentro dun proxecto máis amplo que persegue o obxectivo de extender a tecnoloxía led ás parroquias do rural e avanzar nos parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade xa implantados no centro e nos barrios urbanos, seguindo a liña de buscar a equidade de servizos da zona rural ao respecto da urbana.

Polo momento, as parroquias nas que xa se instalaron luminarias leds son Bora, Ponte Sampaio e A Canicouva.

Dende o Concello destacan que, ademais da eficiencia enerxética, este proxecto reforza outras cuestións como a seguridade nas rúas, a seguranza viaria, a redución das avarías ou a rebaixa da luz intrusa.