Lourizán entra no club de xardíns botánicos da Asociación Ibérico-Macaronésica

Pontevedra
08 de xuño 2022

O nomeamento como socio numerario farase efectivo este xoves no XVI Congreso da asociación en Madrid, nun acto ao que asistirán o director do CIF de Lourizán e un do seus investigadores

Vista do xardín botánico de Lourizán
Vista do xardín botánico de Lourizán / Xunta de Galicia

O xardín Botánico do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, será nomeado este xoves socio numerario da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos.

Esta organización agrupa a 38 xardíns botánicos, situados ao longo da Península Ibérica, incluíndo os territorios macaronésicos das Illas Canarias, as Illas Azores e Madeira. Trátase dunha rede comprometida coa investigación, difusión, educación e conservación da diversidade vexetal, que ten como finalidade principal promover e coordinar proxectos en común, impulsando o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal.

Ao XVI Congreso asistirán en calidade de representantes Enrique Martínez Chamorro, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; e Francisco Javier Silva Pando, xefe do departamento de Protección Forestal deste mesmo centro. A asemblea xeral será presidida polo botánico Jaime Güemes, actual presidente da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos e contará cunha charla coa Rede Sudamericana de Xardíns Botánicos.

O evento estase a celebrar en Madrid entre os días 7 e 10 de xuño, e reúne a expertos e voces autorizadas de toda España para o intercambio de recursos e coñecementos. O obxectivo deste décimo sexto encontro é abordar a ameaza do cambio climático e o perigo que supón para a preservación da biodiversidade e as diversas especies únicas das diferentes partes do mundo.

O CIF de Lourizán conta con 52,5 hectáreas de terreo onde dispón, en sendos arboretos, da maior colección de coníferas de Europa con máis de 200 especies e subespecies. O xardín botánico ten na actualidade máis de 850 especies catalogadas, a maioría árbores e arbustos que integran a colección máis importante de toda Galicia e tamén das máis numerosas de España. Coa entrada do xardín Botánico do CIF Lourizán nesta asociación, Galicia terá por primeira vez representación nesta prestixiosa rede.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora