Louro recrimina á Xunta que paralice a reforma da PO-531 porque a crise "non pode ser a coartada para todo"

Pontevedra
05 de abril 2014

O tenente de alcalde lamenta a decisión de paralizar o proxecto de ampliación e mellora do vial que une Pontevedra e Vilagarcía e valora que "volve evidenciar a nula aposta" do Goberno autonómico pola cidade do Lérez. Na súa opinión, a Xunta "ten a obriga de acometer a reforma profunda" da vía porque está saturada, deteriorada e resulta perigosa

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Antón Louro, lamenta a decisión da Xunta de Galicia de paralizar ata que mellore a situación económica o proxecto de ampliación e mellora da estrada PO-531, que une Pontevedra e Vilagarcía, e valora que "volve evidenciar a nula aposta" do Goberno autonómico pola cidade do Lérez.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, sinalaba esta semana nun comunicado que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a priorizar o reforzo dos firmes e o asfaltado das estradas fronte ás obras de gran envergadura e enmarcaba nesta situación o proxecto para a PO-531.

Cores Tourís trasladoulle a situación aos integrantes da plataforma para a mellora da PO-531 e Louro interpreta das súas palabras que o proxecto "acaba de engrosar o voluminoso caixón" dos proxectos paralizados pola Xunta de Galicia en Pontevedra.

O concelleiro socialista considera que a crise económica "non pode ser a coartada para todo" e critica que se teña "enganado deste xeito" aos veciños de Campañó e Alba, que reclaman dende hai anos unha actuación profunda que mellore a seguridade viaria ao paso da infraestrutura polas zonas máis poboadas destas parroquias.

A través dun comunicado, destaca que o proxecto comezou a redactarse no ano 2007 para dar solución á insuficiencia dunha estrada que recibe uns 18.000 vehículos ao día e que dende que o PP chegou ao Goberno da Xunta de Galicia en 2009 "non amosou ningún interese en impulsar esta obra".

Na súa opinión, a Xunta de Galicia "ten a obriga de acometer a reforma profunda da PO-531" porque está saturada, deteriorada e resulta perigos e ten unhas necesidades que "non se soluciona cunhas cantas pas de chapapote para tapar as fochancas, como pretende facer a Consellería".

Ademais, enmarca esta paralización nunha política máis xeral e recorda que xa se paralizaron outros compromisos firmes coa cidade de Pontevedra coma o novo hospital, a rolda urbana, o colexio de Valdecorvos, o instituto Carlos Oroza, o dragado da ría, o saneamento do río dos Gafos, a Área de Rehabilitación no Centro Histórico, o soterramento da alta tensión en Monte Porreiro ou o mantemento da estación de autobuses (para a que valora que "agora se anuncia un investimento ridículo").