Louzán fai 'pellas' no último pleno da Deputación

Pontevedra
14 de xullo 2015

A Deputación de Pontevedra acolleu este martes o último pleno da actual Corporación á espera de que o próximo venres se celebre a sesión plenaria constitutiva na que os novos deputados tomarán posesión dos seus cargos. En apenas un minuto liquidouse este acto formal de peche de actas

Deputados que formaron parte da corporación 2011-2015 e que non continuarán na Deputación
Deputados que formaron parte da corporación 2011-2015 e que non continuarán na Deputación / Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra acolleu este martes o último pleno da actual Corporación á espera de que o próximo venres se celebre a sesión plenaria constitutiva na que os novos deputados tomarán posesión dos seus cargos. En apenas un minuto liquidouse este acto formal de peche de actas.

A anécdota da xornada foi a ausencia do presidente en funcións, Rafael Louzán quen se encontraba en Madrid como máximo responsable da Federación galega de fútbol participando na asemblea xeral da española.

Cumprido o trámite e finalizado o pleno os voceiros de cada un dos grupos fixeron un breve discurso agradecendo o traballo desenvolvido nos últimos anos, desexando "sorte" a aqueles compañeiros que non formarán parte da nova corporación.

Estes últimos fixéronse unha foto de familia como recordo antes de abandonar o Pazo provincial.

FUTURO GOBERNO BIPARTITO

O voceiro socialista na Deputación e Secretario provincial do PSdeG, Santos Héctor, destacou o "bo e inmellorable clima" no que se desenvolven as conversacións abertas co BNG de cara a formar o futuro goberno na Administración Provincial.

Santos Héctor celebrou a "coincidencia" de ambas as dúas formacións para que a Deputación sexa "máis transparente e máis pegada á realidade dos veciños e na confianza dun goberno único formado por dúas forzas políticas".

Este "bo clima", vai permitir que "no día de mañá ou pasado poidamos asinar un acordo programático de goberno", concluíu o Secretario provincial socialista.

Igualmente o voceiro nacionalista, César Mosquera, apuntou que o acordo está "moi avanzado" e quixo destacar o feito de que "por primeira vez esta casa vai ter un programa de goberno".

NON AO "LOCALISMO" DE VIGO

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, José Manuel Figueroa, trasladou o seu desexo de que a futura presidenta da Deputación, a socialista viguesa Carmela Silva "trate a todo o mundo por igual" e subliñou que "aquí non ten que haber o localismo de Vigo, cometería un erro tremendo", advertiu.

José Manuel Figueroa recordou que a Deputación "traballa para unha provincia de concellos pequenos" polo que entende que a acción do novo goberno ten que estar dirixida a resolver os problemas da poboación destes municipios, "espero que non se equivoque", indicou.

Finalmente desexo que a política que aplique o novo goberno "esperemos que non sexa unha fotocopia do que fan noutros concellos, como o de Vigo, sería un erro tremendo e volveriamos para atrás", insistiu.