Luís Bará acusa á Xunta de atrasar "intencionadamente" a ampliación do parque empresarial do Campiño

Pontevedra
14 de xuño 2025

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares sobre o asunto e demanda a Rueda que poña as pilas e inclúa unha partida nos orzamentos de 2026 para iniciar a primeira fase da ampliación”

Luís Bará, deputado do BNG
Luís Bará, deputado do BNG / BNG

O deputado do BNG Luís Bará denunciou este sábado que a Xunta de Galicia está "atrasando intencionadamente" a ampliación do parque empresarial do Campiño. 

Os nacionalistas rexistraron este sábado unha batería de iniciativas parlamentares sobre este "atraso intencionado" da ampliación, unha actuación incluida no Plan sectorial de áreas empresariais de Galiza do ano 2014 e que "estivo paralizada durante 10 anos".

Luís Bará citou un informe presentado polo Concello de Pontevedra en febreiro de 2023 no que se indica que o parque empresarial do Campiño "está tecnicamente ao límite de ocupación" e que os parques de Outeda-Curro e o parque empresarial da Reigosa en Ponte Caldelas "teñen unha ocupación bastante elevada", con só 19 e 13 parcelas dispoñíbeis, respectivamente.

En base a ese informe, denuncia que "podemos vernos nun período relativamente curto de poucos anos nunha situación de estrangulamento na oferta de solo".

Tamén sinala que, logo de "máis de 10 anos de parálise", a Xunta anunciou en xaneiro de 2024, en plena campaña eleitoral, a licitación do contrato do plan estruturante e dos demais instrumentos de desenvolvemento. En xullo de 2024, Xestur adxudicou o contrato á empresa PROYFE SL, cun prezo de  214.170 euros e un prazo de execución de 2 anos. 

A memoria xustificativa do contrato establecen un prazo de cinco meses desde a sinatura do contrato para a presentación do borrador do Plan estruturante de Ordenación de Solo empresarial así como a documentación ambiental correspondente para a súa tramitación ambiental.

Cando xa se cumpriron 10 meses deste a sinatura do contrato, "non hai noticias sobre estes documentos", o que leva a Bará á conclusión de que" estamos diante dun novo retraso dunha actuación que se preveu no seu momento como estratéxica e que debía estar rematada no ano 2024".

O deputado nacionalista demanda a Rueda que "poña as pilas e inclúa unha partida nos orzamentos de 2026 para iniciar a primeira fase da ampliación”.