Luís Bará demanda máis dereitos laborais e económicos para o persoal de servizos esenciais

Pontevedra
02 de xuño 2020

Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, mantivo un encontro telemático con oito mulleres traballadoras de servizos declarados esenciais druante o período de confinamento e o representante nacionalista recollía a demanda de aumentar os investimentos públicos no ámbito sociosanitario, educativo e sanitario

Luís Bará, candidato do BNG por Pontevedra, mantén un encontro telemático con mulleres do sector de servizos esenciais
Luís Bará, candidato do BNG por Pontevedra, mantén un encontro telemático con mulleres do sector de servizos esenciais / BNG

Luís Bará, candidato por Pontevedra do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións autonómicas, mantiña este martes un encontro telemático con oito mulleres traballadoras do sector de servizos esenciais (sanitarios, transporte, alimentación e sociosanitarios) para coñecer as necesidades que atoparon nunha situación de crise sanitaria como a vivida durante estes meses.

O representante nacionalista entende que é necesario poñer en valor o traballo destas profesionais xa que "foi o traballo e non o capital o que salvou vidas e ao pobo nesta emerxencia que aínda vivimos". Neste sentido, Bará considera fundamental incrementar os dereitos laborais e económicos de servizos sanitarios, sociosanitarios (axuda no fogar, atención á discapacidade ou atención a mulleres vítimas de violencia machista).

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra apuntou como unha das principais necesidades cara o futuro a de avanzar na recuperación de dereitos laborais e salariais, ante a situación que viven moitas traballadoras con labores mal remunerados.

Bará entende que as clases traballadoras non poden volver pagar as consecuencias desta emerxencia, como sucedeu coa anterior crise económica. Neste encontro indicou que hai que apostar por unha sociedade máis igualitaria e cunha repartición equitativa da riqueza.

Criticou a privatización continua e a utilización como negocio de servizos tan importantes socialmente como as residencias de maiores e manifestou a súa idea de que é necesario incrementar o gasto público no ámbito educativo, social, da discapacidade, da dependencia e da sanidade. 

O candidato nacionalista expuxo a súa iniciativa de xestionar desde o ámbito local para mellorar os resultados utilizando medios propios para enfrontarse a situacións de emerxencia como a provocada polo espallamento da Covid-19. Neste punto puxo como exemplo a países pequenos con soberanía e liderados por mulleres, como Islandia ou Eslovaquia, que foron os que se enfrontaron mellor á pandemia.

Bará considerou caótica e cambiante a xestión do Goberno central durante estes meses e acusou á Xunta de Galicia de atoparse desaparecida mesmo naqueles temas en que tiña que tomar decisións, culpando aos demais e índose de "rositas". Durante o encontro, sinalou que o BNG conta cun proxecto claro de país despois da cita do 12 de xuño, coa idea de que a crise non a acabe pagando a clase traballadora.