Entre pontevedreses queda a cousa. Luís Campos Villarino toma as rendas de A.M.A., a mutua dos profesionais sanitarios, tras a renuncia de Ana Pastor.
Ana Pastor, pontevedresa de adopción, presentou a súa renuncia ao cargo de presidenta da entidade, aínda que continuará como conselleira do Consello de Administración.
O Consello acordou o nomeamento de Luís Campos Villarino como novo presidente da compañía que encabeza o tamén profesional Diego Murillo.
Luís Campos xa ostentou a presidencia entre 2017 e 2022 e desde a compañía lembran que o fixo con "unha brillante traxectoria".
Luís Campos Villarino, médico nuclear de formación, ex presidente do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e profesional con ampla experiencia na dirección de organizacións sanitarias, asume esta nova responsabilidade "con vontade de traballo e enorme compromiso".
Até agora ocupaba o cargo de vicesecretario de A.M.A. e presidente de A.M.A. América Seguros Ecuador.
Desde A.M.A. destacan que "a súa traxectoria profesional e o seu coñecemento do colectivo sanitario refuerzan a misión da entidade de protexer, acompañar e servir a quen dedican a súa vida a coidar dos demais".
O Consello de Administración tamén acordou o nomeamento de Pedro Hidalgo Fernández como secretario xeral. Completan a directiva da entidade Inmaculada Martínez Torre e Luís Alberto Calvo Sáez como vicepresidentes; e Luís Cáceres Márquez como vicesecretario.
Con esta substitución, A.M.A. inicia unha nova etapa na que "mantén intacto o seu compromiso e a súa vocación de servizo cara aos seus mutualistas".