O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, criticou o Partido Socialista por romper a unidade de acción que o PP, o BNG e o propio PSOE mantiñan en defensa do traspaso a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9.
López lamentou que, tras case 500 días de bloqueo no Congreso da proposición de lei para transferir a autoestrada, o PSOE cambie de postura. "Decatámonos de que o PSOE di unha cousa en Galicia e fai outra en Madrid", reprochou.
Durante o proceso de presentación de emendas, os socialistas modificaron a súa posición ao rexeitar o traspaso íntegro da vía e propor, no seu lugar, unha cesión limitada de competencias para a súa xestión. O argumento do grupo socialista foi que esta fórmula permitiría garantir as bonificacións nas peaxes.
"En nome do Goberno Provincial quero lamentar o acontecido", sinalou López, quen ademais de presidir a Deputación lidera o Partido Popular na provincia. O dirixente cualificou a manobra do PSOE como "un erro político de enorme magnitude" e unha mostra de "falta de palabra".
O presidente provincial cuestionou tamén a posición dos representantes socialistas da provincia. "En que lugar quedan os alcaldes e altos cargos socialistas de Pontevedra que se sumaban ao consenso social polo traspaso?", preguntouse.
Segundo López, só caben dúas explicacións: "Ou o socialismo galego sabía que en Madrid lle ían a tapar a boca e consentiu", ou ben "non ten forza para defender en Madrid os intereses desta provincia".
Finalmente, instou aos responsables socialistas a "recapacitar ou romper o seu silencio e a súa submisión de porse sempre ao lado de Madrid".
"Si hai que elixir entre Madrid e Pontevedra, creo que non hai dúbida de que hai que escoller", concluíu.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.