Luís López acusa o PSOE de romper a unidade na defensa do traspaso da AP-9 a Galicia

Pontevedra
24 de outubro 2025

O presidente da Deputación instou aos responsables socialistas a "recapacitar ou romper o seu silencio e a súa submisión de porse sempre ao lado de Madrid"

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, criticou o Partido Socialista por romper a unidade de acción que o PP, o BNG e o propio PSOE mantiñan en defensa do traspaso a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9.

López lamentou que, tras case 500 días de bloqueo no Congreso da proposición de lei para transferir a autoestrada, o PSOE cambie de postura. "Decatámonos de que o PSOE di unha cousa en Galicia e fai outra en Madrid", reprochou.

Durante o proceso de presentación de emendas, os socialistas modificaron a súa posición ao rexeitar o traspaso íntegro da vía e propor, no seu lugar, unha cesión limitada de competencias para a súa xestión. O argumento do grupo socialista foi que esta fórmula permitiría garantir as bonificacións nas peaxes.

"En nome do Goberno Provincial quero lamentar o acontecido", sinalou López, quen ademais de presidir a Deputación lidera o Partido Popular na provincia. O dirixente cualificou a manobra do PSOE como "un erro político de enorme magnitude" e unha mostra de "falta de palabra".

O presidente provincial cuestionou tamén a posición dos representantes socialistas da provincia. "En que lugar quedan os alcaldes e altos cargos socialistas de Pontevedra que se sumaban ao consenso social polo traspaso?", preguntouse.

Segundo López, só caben dúas explicacións: "Ou o socialismo galego sabía que en Madrid lle ían a tapar a boca e consentiu", ou ben "non ten forza para defender en Madrid os intereses desta provincia".

Finalmente, instou aos responsables socialistas a "recapacitar ou romper o seu silencio e a súa submisión de porse sempre ao lado de Madrid".

"Si hai que elixir entre Madrid e Pontevedra, creo que non hai dúbida de que hai que escoller", concluíu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora