Luís López anuncia un investimento de 130.000 euros para mellorar a Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Pontevedra
31 de agosto 2023

O presidente da Deputación realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro como "mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza"

Luis López e Jorge Cubela visitan a Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Luis López e Jorge Cubela visitan a Estación Fitopatolóxica de Areeiro / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, acompañado do deputado provincial Jorge Cubela, protagonizou este xoves a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da institución provincial.

Fíxoo, asegura, como "mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza".

López de feito aproveitou a ocasión para anunciar un investimento de case 130.000 euros para reformar o laboratorio e a casona. Con esta inxección de cartos poderanse arranxar "complicacións existentes nos edificios, pendentes desde hai moitos anos".

Segundo explicou o presidente da Deputación 90.000 euros irán destinados á reforma e rehabilitación do acceso ao primeiro piso do edificio do laboratorio e outros 40.000 euros a substituír elementos estruturais da casona, danados polas filtracións de auga nas fachadas este e sur.

Cabe lembrar que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981, é un centro de investigación dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. 

En canto ás actuacións planeadas, a intención do goberno provincial é poder licitalas "no prazo máis breve posible para poder chegar para a parte final do inverno coas obras xa executadas”.