Despois de entrevistarse cos alcaldes de Pontevedra e de Vilagarcía o terceiro rexedor en manter un encontro co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, foi Gonzalo Durán o alcalde de Vilanova de Arousa.
Luis López comprometeuse a atender unha demanda histórica que é a mellora, con ampliación e construción dunha senda peonil, da estrada provincial que une Baión e András.
O entendemento e a boa sintonía entre os dous mandatarios foi a tónica dunha reunión que se pechou coa garantía por parte da Deputación da redacción dun proxecto que transformará a mobilidade na estrada EP-9701 entre Baión e András. "Estamos a resolver unha demanda histórica do concello que estaba gardada nun caixón desde hai oito anos sen motivo aparente, cando se rescindiu o contrato no ano 2015", lembrou o presidente da Deputación.
Pero o encontro con Durán serviu para avanzar na mellora da seguridade viaria da EP-9703 entre Vilanova, Ourense e Pontearnelas coa construción de beirarrúas e o remate da senda peonil e a pavimentación da EP-9702 entre As Sinas e Vilanova.