Luis López sostén que a colaboración da Deputación co Concello "vai moi por diante" das reclamacións do alcalde

Pontevedra
19 de xullo 2025

O presidente da Deputación, que garante o apoio a todos os proxectos beneficiosos para a cidade, cuestiona por que o rexedor non reclamou a actualización do convenio cando o BNG gobernaba o organismo provincial

Miguel Anxo Fernández Lores, César Mosquera, Rafa Domínguez e Luis López
Miguel Anxo Fernández Lores, César Mosquera, Rafa Domínguez e Luis López / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, descarta a suba do importe anual que o organismo provincial destina aos convenios co Concello de Pontevedra.

Segundo argumenta Luis López, a colaboración desta institución co goberno local "vai moi por diante" do reclamado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Luis López sae ao paso das acusacións de discriminación lanzadas polo rexedor pontevedrés argumentando que nestes dous primeiros anos de goberno, "a Deputación investiu un total de 28 millóns de euros en distintos proxectos na cidade" e que a achega do ente provincial incrementouse nos 61 concellos da provincia.

O mandatario provincial explica que nestes dous anos a Deputación investiu un total de 7 millóns de euros, "máis do que marca a asignación económica anual dos convenios", en proxectos de colaboración directa co Concello.

Entre outros citou o campo de fútbol de Salcedo (2,1 millóns de euros), a iluminación pública do barrio de Lérez (1,4 millóns de euros) o proxecto para o novo viario de Mollavao (1,2 millóns de euros) ou o apoio aos mundiais de tríatlon (0,5 millóns de euros) entre outras iniciativas como a colaboración para acoller a entrega dos Premios Feroz na cidade.

Engadiu o presidente que a cifra aumenta ata os 28 millóns de euros con "proxectos estratéxicos para a cidade" como a mellora da estrada provincial de Tomeza (1,7 millóns de euros), a recuperación da Bienal de Arte (1,7 millóns de euros) ou o aumento do investimento no Museo de Pontevedra e Santa Clara (16,4 millóns de euros).

Neste sentido, o presidente Luis López cuestiona as razóns polas que o alcalde reclama agora este incremento, "mentres que durante a época do goberno anterior, no que o concelleiro pontevedrés César Mosquera era vicepresidente provincial, non se produciron este tipo de esixencias".

Así mesmo, fai referencia López ao argumento esgrimido polo goberno local para sustentar esta petición na actualización do IPC.

"Gobernaron esta casa 8 anos, por que non o actualizaron? Non subiu o IPC desde o 2015 ao 2023?", pregunta o presidente, quen sinala que neses 8 anos a inflación foi do 19,4%, segundo datos do INE, polo que a contía dos convenios debeu subir ata os 2,98 millóns de euros, "algo que o alcalde nunca reclamou".

Luis López remarca que o municipalismo e a cooperación cos 61 concellos da provincia son un "piar fundamental na acción de goberno da Deputación" desde a súa toma de posesión.

"Un compromiso que se traduce nunha achega sen precedentes do organismo provincial ás arcas dos Concellos, que investiu nos dous primeiros anos de goberno un total de 235 millóns de euros. Un volumen do que tamén de viu beneficiado o Concello de Pontevedra ao recibir de mans da Deputación 28 millóns de euros", sinalou. 

"A colaboración leal da Deputación co Concello de Pontevedra vai continuar nos vindeiros anos. Sempre que haxa un proxecto beneficioso para a cidade de Pontevedra, a Deputación vai estar", rematou o presidente Luis López.