O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López achacou ao "pánico político" as críticas do Concello de Pontevedra fronte ao que el cualifica como unha "boa xestión" que está a realizar o vicepresidente, Rafa Domínguez.
Esta semana o portavoz do BNG na Deputación e concelleiro pontevedrés, César Mosquera, pediu ao presidente da administración provincial que releve ao seu vicepresidente pola súa "incapacidade" para xestionar a reforma dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e tamén a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que a Deputación non colabore con proxectos impulsados polo Concello como o Multisport de Tríatlon, que se celebra o próximo mes de xuño.
Na súa comparecencia deste venres, Luís López anunciou que no próximo pleno provincial aprobarase unha modificación de crédito por un importe de 9,1 millóns de euros que inclúe unha axuda directa de 100.000 euros para colaborar con Pontevedra na organización do Multisport.
Segundo Luís López esta colaboración "foi comunicada semanas atrás" polo que expresou a súa "incredulidade" ante as declaracións do alcalde de Pontevedra "poñendo en dúbida o que teoricamente debería saber".
Por iso entende que, ou se trata dun "problema interno" ao non compartir Mosquera co alcalde a información que coñecía respecto desta axuda directa ou "o señor Lores está máis preocupado polo vicepresidente Rafa Domínguez que polo tríatlon".
O presidente da Deputación tamén saíu ao paso doutra declaración de Miguel Anxo Fernández Lores na que expresa o seu desexo de que a administración provincial amplíe o convenio anual de 2,5 millóns de euros que mantén co Concello de Pontevedra desde hai dez anos.
A mesma petición fai o Concello de Vigo que tamén quere que se incrementen as súas partidas económicas.
"Cando estiveron eles (PSOE e BNG) gobernando aquí durante oito anos non houbo nin unha solicitude de actualización do IPC", afirmou o mandatario provincial.
"A Deputación nunca tanto investiu en Vigo", destacou Luís López, "levamos en dous anos 30 millóns de euros", e no caso da capital "estamos a participar en actividades co Concello", e citou como exemplos a inminente reforma da estrada de Tomeza ou a próxima Bienal de Arte.
Por último, respecto das críticas pola tardanza nos proxectos dos edificios históricos do Museo achácao a "certo nerviosismo" e afirma "creo que Lores o que tiña que facer era retirar a Mosquera, que estivo aquí durante oito anos e non fixo absolutamente nada" respecto dos edificios García Flórez e do Castro Monteagudo.
"No momento en que completemos a documentación e pidamos a solicitude de licenza ao Concello, a ver tamén como son esas présas", rematou Luís López.