O actual delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, será o novo secretario xeral do Partido Popular na provincia.
Alcalde de Rodeiro entre 2011 e 2021, López substituirá no cargo a José Manuel Cores Tourís, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
O nomeamento, segundo confirmou o partido, farase efectivo no congreso provincial que o PP de Pontevedra celebrará o vindeiro sábado 18 de setembro.
Luís López, que ten 43 anos, converterase así no "número 2" do PP en Pontevedra, que seguirá liderado polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, único candidato que se presentou a este conclave para encabezar a directiva provincial do partido.
Rueda destacou que López é unha "persoa nova", cunha experiencia "ampla" na xestión municipal e cun "gran coñecemento" de toda a provincia.
"É o momento de dar paso a unha nova xeración de políticos que demostraron contar co respaldo maioritario dos seus veciños, pero que aínda non asumiron responsabilidades de primeiro nivel no partido", engadiu o presidente provincial en funcións.