Luis Villares, "orgulloso" do papel de Marea Pontevedra en relación co orzamento municipal

Pontevedra
26 de decembro 2016

O portavoz de En Marea mostrou este luns todo o seu respaldo a Marea Pontevedra e negou inxerencias na decisión da formación pontevedresa de cambiar o seu voto en contra por unha abstención, pois respectan a "autonomía" das agrupacións locais

Luis Villares e Luis Rei, voceiros de En Marea e Marea Pontevedra
Luis Villares e Luis Rei, voceiros de En Marea e Marea Pontevedra / Mónica Patxot

O portavoz de En Marea, Luís Villares, mostrou este luns todo o seu respaldo a Marea Pontevedra polo papel desempeñado no último Pleno da Corporación, no que se abstivo facilitando a aprobación do orzamento municipal para o ano 2017 que propuxera o grupo de goberno do BNG. A forma de encarar a situación é "algo que nos enorgullece a todos como movemento político", pois "traballa de forma coherente en todo o país na mesma clave". 

Villares acompañou ao portavoz de Marea Pontevedra Luís Rei, para valorar o ano político da formación e marcar as liñas de traballo para 2007 e, a preguntas dos medios, negou que En Marea tivese algunha influencia na decisión da formación pontevedresa de cambiar o seu voto en contra por unha abstención, pois tanto neste municipio como en todos os demais respectan a "autonomía" das agrupacións locais

Ademais, o líder de En Marea asegurou que na formación "estamos moi satisfeitos" de que a posición política do partido que lidera Luís Rei "permite darlle un xiro social a este concello" na liña dos seus principios programáticos. Séntese especialmente orgulloso de que entre as emendas aprobadas para facilitar a abstención figure a renda social municipal, pois considéraa unha cuestión "fundamental" e "todo un éxito" para a cidadanía de Pontevedra. 

A pesar de que os xornalistas insistiron en preguntar polo papel do líder de Compostela Aberta e alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que instaba a chegar a un acordo Marea-BNG para aprobar os orzamentos, Luís Villares asegurou que non existe unha fractura na postura política do movemento das mareas galegas. "O sentir de En Marea en Galicia é sempre o mesmo, acadar solucións de xustiza social para ou conxunto das institucións", asegurou.

Luís Rei tamén negou a inxerencia de En Marea no seu cambio de postura e defendeu que "somos autónomos e soberanos" en todas as súas decisións e agradece especialmente a "comprensión" de Villares, pois "en todo momento" tiveron o seu apoio "fose cal fose a decisión que nós tomásemos"

O líder de Marea Pontevedra tamén negou que favorecer a aprobación do orzamento supoña que renuncien a unha das súas liñas vermellas como formación política, o rescate de servizos básicos como o auga ou o lixo, que na cidade do Lérez está en man de empresas privadas. Eles van "seguir defendendo" a remunicipalización. No caso de que o goberno nacionalista opte por prorrogar contratos como o da auga, que caduca este ano 2017, insistirán en que, polo menos "sexa polo período máis curto posible". 

Esta postura ao facilitar a aprobación do orzamento é, para Luís Rei, unha mostra máis do novo tempo político que se abre para a súa formación, pois, tras unha etapa de "consolidación da confluencia", ábrese un período de "expansión" e "crecemento" no que seguirán "cumprindo co mandato de sermos críticos" e profundar na súa liña "propositiva" e de falar con todos, como ocorreu no asunto do orzamento.