Xa é oficial. Pontevedra reforzará a súa oferta académica para o próximo curso universitario. O Consello Galego de Universidades informou favorablemente á creación das facultades de Deseño (de novo impulso) e de Dirección e Xestión Pública, que se desliga de Ciencias Sociais.
Na xuntanza, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avaliouse a proposta da Universidade de Vigo para a creación destes novos centros universitarios. Ambos recibiron o apoio unánime dos integrantes deste órgano.
No caso da facultade de Deseño, concentrará a formación integral de estudos especializados de deseño que ata o de agora non existían no sistema universitario galego. Así, acollerá tanto o futuro Grao en Deseño, que a Universidade de Vigo prevé comezar a impartir no curso 2022-2023, como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
Pola súa banda, a nova facultade de Dirección e Xestión Pública permitirá albergar o Grao en Dirección e Xestión Pública e o mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que nestes momentos se están a impartir na facultade de Ciencias Sociais.
A Facultade de Deseño terá a súa sede no espazo cedido á universidade no antigo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal e, segundo recolle a súa memoria, contaría cun estudantado estimado de 260 alumnos e alumnas, con 22 profesores equivalentes a tempo completo.
A Facultade de Dirección e Xestión Pública tería un estudantado estimado de 212 alumnos e 41 docentes, 16 deles con dedicación total ás titulacións da facultade. O novo centro compartirá o edificio da actual Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Non obstante, a Universidade de Vigo atópase traballando co Concello de Pontevedra nun convenio que faría posible á cesión dunha parcela nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa, na que a institución académica proxecta a construción da futura sede destas dúas facultades.
Estas propostas, unidas tamén a aprobación da facultade de Relacións Internacionais no campus de Ourense, reforzarán a oferta académica da Universidade de Vigo.