Completados os trámites administrativos para avanzar na creación dunha futura praza pública na contorna das ruínas da igrexa de San Xurxo de Sacos, no Concello de Cerdedo Cotobade.
O proxecto está orientado a pór en valor este enclave patrimonial e mellorar a súa integración como espazo de uso veciñal.
Unha vez aprobado o Plan Especial de Dotacións que permitirá a implantación da praza, chegou o momento de inscribir o instrumento urbanístico no Rexistro de Ordenación do Territorio e Plan Urbanístico de Galicia, outorgándolle plena eficacia administrativa o permiso de continuar co desenvolvemento da actuación.
A este avance súmase a finalización do proceso de expropiación dos terreos afectados, garantíndolle ao Concello a disposición dos solos necesarios para executar o proxecto.
A nova praza situarase na contorna inmediata das ruínas da igrexa de San Xurxo, un espazo de elevado valor histórico, co obxectivo de dignificar a súa contorna, favorecer a súa conservación e crear unha zona pública de estancia que impulse a posta en valor do conxunto.
O alcalde, Jorge Cubela, destacou que a culminación destes trámites supón "un paso fundamental" para facer realidade unha actuación "moi demandada", que permitirá recuperar un espazo de gran valor patrimonial e polo ao servizo da veciñanza e das persoas que visitan a zona.
Nesta liña, subliñou que a intervención forma parte dunha estratexia municipal para protexer e valorizar o patrimonio histórico, á vez que se xeran novos espazos públicos de calidade.