Luz verde ao proxecto de mellora do albergue de peregrinos, valorado en 300.000 euros

Pontevedra
02 de xaneiro 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenza de legalización das obras de ampliación das instalacións e tamén algunha actuación no edificio principal. A autorización dá luz verde para a realización dun proxecto de mellora que vai aumentar o illamento e a eficiencia enerxética das instalacións

Anabel Gulías, portavoz do Goberno local
Anabel Gulías, portavoz do Goberno local / Mónica Patxot

A Axencia de Turismo de Galicia xa ten luz verde para a realización de obras de mellora no albergue de peregrinos de Pontevedra, que suporán acometer actuacións que man redundar na súa eficiencia enerxética

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou este luns de que a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenza de legalización e obras para esta actuación no albergue pontevedrés. 

A licenza supón legalizar as obras de ampliación das instalacións e tamén algunha actuación no edificio principal deste recinto pensado para os peregrinos do Camiño Portugués na rúa Ramón Otero Pedrayo.

Ademais, dá luz verde para a realización dun proxecto de mellora que vai aumentar o illamento e a eficiencia enerxética das instalacións. 

Segundo a información facilitada por Anabel Gulías, vaise actuar na fachada e na cuberta, mellorando a impermeabilidade do edificio e a súa envolvente térmica. "Subsanarán moitas deficiencias do edificio", indicou.

Este proxecto ten un orzamento de 305.339,48 euros e un prazo de execución máximo de 12 meses.