Luz verde da Deputación á construción da senda peonil en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
06 de xullo 2020

O goberno provincial adxudica por preto de 180.000 euros unha actuación que mellorará a seguridade viaria entre o núcleo de Ponte Caldelas e o lugar de Parada

Xunta de Goberno da Deputación
Xunta de Goberno da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por 178.814 euros a construción dunha senda peonil nun tramo de 2 quilómetros na EP 0206, desde o núcleo urbano de Ponte Caldelas ata as numerosas vivendas existentes no lugar de Parada. En liñas xerais esta actuación vai dotar de mobilidade peonil segura a un traxecto moi transitado pola veciñanza que se achega a pé diariamente dende as súas casas en Parada ata o centro de Ponte Caldelas.

Con esta mellora, a Deputación busca potenciar e dinamizar esta contorna, creando unha área reservada peonil na marxe dereita da estrada que unirá as beirarrúas existentes, creando así un tránsito peonil seguro.

A través desta actuación delimitarase a circulación do tráfico rodado e peonil, empregando un espazo de dous metros e medio de cuneta vexetal; e crearanse zonas de tránsito seguras para os colectivos máis vulnerables, peóns, ciclistas, e persoas con mobilidade reducida. Tamén se instalarán pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos, que aseguren o cumprimento da velocidade máxima permitida de 30 quilómetros hora.

Amais, o proxecto contempla a instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais e a mellora da iluminación no tramo interurbano, incrementándose o número de puntos de luz fundamentalmente no primeiro quilómetro. Por último, procederase a reposición e mellora do firme así como ao repintado da sinalización horizontal.