Luz verde de Patrimonio á rehabilitación do Pazo de Quintáns

Sanxenxo
20 de maio 2018

A filosofía principal do proxecto de rehabilitación será actuar nos 8.500 m2 de parcela mantendo as estruturas orixinais do Pazo, non derrubando fachadas nin cubertas, modificando ocos ou abrindo outros novos

Pazo de Quintáns
Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Pontevedra emitiu un ditame favorable á rehabilitación do Pazo de Quintáns, en Noalla, ao entender que o proxecto que impulsa o Concello de Sanxenxo cumpre as determinacións da Lei de Patrimonio Cultural e do PXOM. 

Esta resolución chega despois da redacción do proxecto, por parte de Mario Crecente e Asociados Consultores, no que se describen todos os traballos que se van a realizar no pazo.

A filosofía principal do proxecto será manter as estruturas orixinais do pazo, non derrubando fachadas nin cubertas, nin modificando ocos ou abrindo outros novos. 

Consérvanse neste conxunto o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo; ademais dos espazos verdes: patrios, praza frontal, xardín e horta, todos eles cunha configuración adquirida desde finais do século XVI.

O edificio do pazo, que se atopa en mal estado, consta de dúas edificacións encostadas construídas en distintas épocas, a máis antiga do século XVII, cunha extensión total de 540 metros cardrados. Na súa arquitectura destaca un portalón, unha galería acristalada e unha escaleira entre outros elementos.   

Pola súa banda a leira, asegura o goberno local, ofrece grandes posibilidades a través dunha recuperación paisaxística que permitirá convertela nun xardín botánico que complemente a actividade cultural propia do Museo da Paisaxe Cultural da Lanzada que albergará o edificio principal.